Mostrando entradas con la etiqueta ANACONDA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ANACONDA. Mostrar todas las entradas

domingo, 31 de mayo de 2020

CLASE 1, SEMANA 1-5 XUÑO


A anaconda-güió ten paciencia infinita. Se ole becerro á beira do río, bótase a durmir tranquila. Na punta do rabo ten un cono invertido, groso, un funil duro que serve para atar. A serpe procura unha raíz no fondo, dálle unha volta ao rabo e ata forte. Despois agarda e dorme. O becerro ha ter sede algún día. O facendeiro vacía toros de pau e pon sal aquí e acolá. Ao becerro novo gústalle lamber o sal. Logo bebe, bebe, bebe. A güió sábeo. Cando o becerro entra no lameiro vai desconfiado. A primeira vez a serpe non se move. O tempo vai dando confianza. Un día o  becerro entérrase na lama e vai saíndo pausado, lento, tranquilo. Aí é cando a güió vén pouquiño a pouco esvarando no fondo, desde atrás, no lusco e fusco do serán. O becerro non se apercibe de nada. De súpeto, sente a corda da forca no pescozo: é a anaconda-güió. Dá unha volta á gorxa do animal e crava os dentes feros no fuciño, nas mesmas fontes do respiro. O becerro apavorado turra de si sen folgos. A serpe estira ata facerse delgada coma un fío. O becerro empurra para diante. Brúa. Volve atrás. A serpe encolle como goma mol. Horas de estira e encolle ata que o becerro  mete o belfo no fango. A anaconda envolve, envolve, envolve. E tritura. Quebra óso a óso. Despois engole o animal enteiro. Sen présa. O tempo non conta. Xa mo dicía Vicente Anzola, o compañeiro: reloxo na selva é tempo perdido.

                                                           A. Avilés de Taramancos, Nova crónica das Indias.


  1. Segmenta en sílabas güió. 
  2. Ole. Conxuga as restantes persoas desa forma verbal.
  3. Ole (verbo) e Olé! (interxección). Son palabras homónimas? Homófonas? Homógrafas?
  4. Á beira do río: Análise sintáctica (función oracional e formas subliñadas no/s seu/s sintagma/s.
  5. Bótase a durmir. Tipo de construción.
  6. Tranquila: Clase de palabra.
  7. Dálle. É correcto que se manteña o til? Por que?
  8. Forte: Clase de palabra.
  9. Ha ter: Tipo de contrución.
  10.  Ao becerro novo gústalle lamber o sal. Análise sintáctica (só funcións oracionais).
  11. Desconfiado: Función sintáctica.
  12. Non se move. Valor de se.
  13. Vai dando: Tipo de construción.
  14. Entérrase. Valor de se.
  15. Pausado, lento, tranquilo. Función sintáctica.
  16. Nas dúas últimas liñas, localiza as palabras con til diacrítico. Explica cada unha delas.