domingo, 31 de mayo de 2020

CLASE 1, SEMANA 1-5 XUÑO


A anaconda-güió ten paciencia infinita. Se ole becerro á beira do río, bótase a durmir tranquilaNa punta do rabo ten un cono invertido, groso, un funil duro que serve para atar. A serpe procura unha raíz no fondo, dálle unha volta ao rabo e ata forte. Despois agarda e dorme. O becerro ha ter sede algún día. O facendeiro vacía toros de pau e pon sal aquí e acolá. Ao becerro novo gústalle lamber o sal. Logo bebe, bebe, bebe. A güió sábeo. Cando o becerro entra no lameiro vai desconfiado. A primeira vez a serpe non se move. O tempo vai dando confianza. Un día o  becerro entérrase na lama e vai saíndo pausado, lento, tranquilo. Aí é cando a güió vén pouquiño a pouco esvarando no fondo, desde atrás, no lusco e fusco do serán. O becerro non se apercibe de nada. De súpeto, sente a corda da forca no pescozo: é a anaconda-güió. Dá unha volta á gorxa do animal e crava os dentes feros no fuciño, nas mesmas fontes do respiro. O becerro apavorado turra de si sen folgos. A serpe estira ata facerse delgada coma un fío. O becerro empurra para diante. Brúa. Volve atrás. A serpe encolle como goma mol. Horas de estira e encolle ata que o becerro  mete o belfo no fango. A anaconda envolve, envolve, envolve. E tritura. Quebra óso a óso. Despois engole o animal enteiro. Sen présa. O tempo non conta. Xa mo dicía Vicente Anzola, o compañeiro: reloxo na selva é tempo perdido.

                                                           A. Avilés de Taramancos, Nova crónica das Indias.


  1. Segmenta en sílabas güió. 
  2. Ole. Conxuga as restantes persoas desa forma verbal.
  3. Ole (verbo) e Olé! (interxección). Son palabras homónimas? Homófonas? Homógrafas?
  4. Á beira do río: Análise sintáctica (función oracional e formas subliñadas no/s seu/s sintagma/s.
  5. Bótase a durmir. Tipo de construción.
  6. Tranquila: Clase de palabra.
  7. Dálle. É correcto que se manteña o til? Por que?
  8. Forte: Clase de palabra.
  9. Ha ter: Tipo de contrución.
  10.  Ao becerro novo gústalle lamber o sal. Análise sintáctica (só funcións oracionais).
  11. Desconfiado: Función sintáctica.
  12. Non se move. Valor de se.
  13. Vai dando: Tipo de construción.
  14. Entérrase. Valor de se.
  15. Pausado, lento, tranquilo. Función sintáctica.
  16. Nas dúas últimas liñas, localiza as palabras con til diacrítico. Explica cada unha delas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario