Como dixen na última entrada, comezamos Lingua e Gramática tratando Semántica e Lexicoloxía. Neste documento, que tamén tedes na aula virtual, aparece resumido o que tedes que saber desta parte da materia:
1. As definicións: como definir substantivos, adxectivos e verbos. Recordade: nas ABAU non podedes usar sinónimos, e tedes que definir a palabra no contexto que aparece no texto.
2. A semántica (unidade 5 do libro de texto). Aquí tedes que saber (definir e aplicar):
- Diferenza significante/significado.
- O signo lingüístico.
- Significado: Diferenza denotación / connotación.
- Lexema: Palabras con significado léxico / Palabras con significado gramatical.
- Trazos semánticos (sémicos ou semas).
- Campo semántico: Definición. Arquilexema, lexema e sema. Hiperónimo.
3. As relacións semánticas (unidade 6 do libro de texto). Tedes que saber (definir e aplicar):
- Complementarios, antónimos, recíprocos.
- Hiponimia, hiperonimia, cohiponimia, meronimima.
- Sinonimia (total/parcial).
- Polisemia e homonimia.
4. Os cambios semánticos (unid. 7 do libro).
- Causas: Lingüísticas. Históricas. Sociais. Psicolóxicas. Influencia de linguas estranxeiras. Esixencia dun novo nome para nova idea/obxecto: Explicación de casos como puro, coche, arquivo, falecer, alta velocidade, aplicación. Tedes que saber recoñecelas e explicalas.
- Tipos: Metáfora (ollo). Metonimia (copa). Etimoloxía popular (longaínza). Elipse (móbil). Tedes que saber recoñecelas e explicalas.
En todos os casos, debedes saber definir estes conceptos e aplicalos.
É posible que teñades dúbidas. Se é así, mandádeme unha mensaxe ao grupo de LLG que creamos hoxe e elaboro un vídeo explicativo.
Como afrontan estas cuestións nas ABAU?
Na vosa aula virtual tedes unha nova sección: "ABAU 2017, 2018, 2019". Aí tedes os exames destes anos e eu separei as cuestións por apartados. En concreto, tedes as Cuestións 4, 5: Lingua e Gramática. Aparecen cuestións relativas a semántica nos exames 17XA (2017, xuño, opción A), 17SB (2017, setembro, opción B) e 18XA (2018, xuño, opción A). Son estas:
- 17XA: Identifica no texto cinco palabras pertencentes ao mesmo campo semántico, das cales unha debe ser o seu hiperónimo (identifícaa como tal) e as catro restantes hipónimos seus. [1 punto]
- 17SB: Explica os conceptos de polisemia e homonimia empregando como exemplos as palabras figura (liña 4) e polo (liña 12), respectivamente. Indica unha palabra homófona de valor (liña 6) e explica en que consiste a relación de homofonía existente entre elas. [1punto]
- 18XA: Procura no texto dez termos que pertenzan ao campo semántico da construción e o urbanismo [1 punto]
Estas son as cuestións que saíron, pero iso non quere dicir que non poida saír calquera aspecto dos arriba indicados: están na materia.
Facede para o xoves estas cuestións. Corrixirémolas ese día e pasaremos ao seguinte punto, Dialectoloxía, se é que este quedou claro.
Se non entendedes o documento tal como está (resume as unidades citadas do libro), facédemo saber. Intentarei aclaralo mediante un vídeo explicativo.
Saúdos.

