lunes, 30 de marzo de 2020

MARTES 31M: SEMÁNTICA-LEXICOLOXÍA

Bos días.


Como dixen na última entrada, comezamos Lingua e Gramática tratando Semántica e Lexicoloxía. Neste documento, que tamén tedes na aula virtual, aparece resumido o que tedes que saber desta parte da materia: 

1. As definicións: como definir substantivos, adxectivos e verbos. Recordade: nas ABAU non podedes usar sinónimos, e tedes que definir a palabra no contexto que aparece no texto. 

2. A semántica (unidade 5 do libro de texto). Aquí tedes que saber (definir e aplicar): 
  • Diferenza significante/significado. 
  • O signo lingüístico. 
  • Significado: Diferenza denotación / connotación. 
  • Lexema: Palabras con significado léxico / Palabras con significado gramatical. 
  • Trazos semánticos (sémicos ou semas). 
  • Campo semántico: Definición. Arquilexema, lexema e sema. Hiperónimo. 

3. As relacións semánticas (unidade 6 do libro de texto). Tedes que saber (definir e aplicar)
  • Complementarios, antónimos, recíprocos. 
  • Hiponimia, hiperonimia, cohiponimia, meronimima. 
  • Sinonimia (total/parcial). 
  • Polisemia e homonimia. 

4. Os cambios semánticos (unid. 7 do libro). 
  • Causas: Lingüísticas. Históricas. Sociais. Psicolóxicas. Influencia de linguas estranxeiras. Esixencia dun novo nome para nova idea/obxecto: Explicación de casos como puro, coche, arquivo, falecer, alta velocidade, aplicación. Tedes que saber recoñecelas e explicalas. 
  • Tipos: Metáfora (ollo). Metonimia (copa). Etimoloxía popular (longaínza). Elipse (móbil). Tedes que saber recoñecelas e explicalas.

En todos os casos, debedes saber definir estes conceptos e aplicalos.

É posible que teñades dúbidas. Se é así, mandádeme unha mensaxe ao grupo de LLG que creamos hoxe e elaboro un vídeo explicativo.

Como afrontan estas cuestións nas ABAU? 

Na vosa aula virtual tedes unha nova sección: "ABAU 2017, 2018, 2019". Aí tedes os exames destes anos e eu separei as cuestións por apartados. En concreto, tedes as Cuestións 4, 5: Lingua e Gramática. Aparecen cuestións relativas a semántica nos exames 17XA (2017, xuño, opción A), 17SB (2017, setembro, opción B) e 18XA (2018, xuño, opción A). Son estas:
  • 17XA: Identifica no texto cinco palabras pertencentes ao mesmo campo semántico, das cales unha debe ser o seu hiperónimo (identifícaa como tal) e as catro restantes hipónimos seus. [1 punto]
  • 17SB: Explica os conceptos de polisemia e homonimia empregando como exemplos as palabras figura (liña 4) e polo (liña 12), respectivamente. Indica unha palabra homófona de valor (liña 6) e explica en que consiste a relación de homofonía existente entre elas. [1punto]
  • 18XA: Procura no texto dez termos que pertenzan ao campo semántico da construción e o urbanismo [1 punto]
Estas son as cuestións que saíron, pero iso non quere dicir que non poida saír calquera aspecto dos arriba indicados: están na materia.

Facede para o xoves estas cuestións. Corrixirémolas ese día e pasaremos ao seguinte punto, Dialectoloxía, se é que este quedou claro.

Se non entendedes o documento tal como está (resume as unidades citadas do libro), facédemo saber. Intentarei aclaralo mediante un vídeo explicativo.

Saúdos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario