miércoles, 1 de abril de 2020

XOVES 2A: DIALECTOLOXÍA

Bos días.


Lingua e Gramática: Dialectoloxía.

Neste documento (é 1 páxina, está tamén na aula virtual) tedes o que é máis importante do tema. Hai que saber:
  • Definición de variedades diatópicas, xeográficas ou dialectais.
  • Definición de gheada e seseo.
  • Bloques lingüísticos: territorio e trazos propios do bloque occidental, central e oriental.
Aparecen no documento as definicións, os fenómenos dialectais, os trazos propios de cada bloque e o territorio que ocupa cada bloque. Isto hai que sabelo. Continúa o documento cun cadro coas variedades dialectais (hai que saber o nome de cada fenómeno, p.e. terminación -INUM) que recomendo completar para practicar.

Como afrontan esta cuestión nas ABAU? 

Na vosa aula virtual tedes os exames de 2017, 2018, 2019; separei as cuestións por apartados. En concreto, tedes as Cuestións 4, 5: Lingua e Gramática. Polo que respecta a Dialectoloxía, esta foi a pregunta ABAU (2019, xullo, A):
  • A palabra rincós (verso 10) amosa un fenómeno dialectal que caracteriza un dos bloques dialectais do galego. Cal é ese fenómeno? Que bloque dialectal caracteriza? Sinala outros dous fenómenos característicos dese bloque. [1 punto]
  • Criterio de corrección ABAU: Avalíase a capacidade para identificar e explicar os principais trazos de variación dialectal do galego. Asígnanse 0'25 puntos á identificación do fenómeno dialectal que ilustra o exemplo proposto e a mesma puntuación á identificación do bloque dialectal e a cada un dos outros dous fenómenos característicos dese bloque. 
  • Resposta (non é da ABAU): Se tedes claros os cadros que figuran no documento citado, non tedes dificultade para contestar. Fenómeno dialectal: Plural palabras rematadas en -N -ós, rincós (BC). Bloque central. Outros dous fenómenos do BC: a escoller entre irmao (terminación -ANUM), camiño (terminación -INUM), zapato, pero dez-des (seseo parcial, segundo as zonas), gheada/non gheada (segundo as zonas), pronome persoal ti/tu (segundo as zonas), resultado oi (moito) do grupo latino -ULT-. 

Coma sempre, se tedes dúbidas, facédemo saber a través do WhatsApp.



Lingua e Gramática: Semántica e Lexicoloxía. Corrección cuestións dos exames de 2017, 2018, 2019.
Cuestións 4, 5: Lingua e Gramática relativas a semántica nos exames 17XA (2017, xuño, opción A), 17SB (2017, setembro, opción B) e 18XA (2018, xuño, opción A). Achego os criterios de corrección destas cuestións nas ABAU. Se queredes que vos corrixa os vosos exercicios, enviádemos ao correo anaseco@edu.xunta.es, especificando “Semántica”.

17XA: Identifica no texto cinco palabras pertencentes ao mesmo campo semántico, das cales unha debe ser o seu hiperónimo (identifícaa como tal) e as catro restantes hipónimos seus. [1 punto]
Outórganse 0’20 puntos por cada palabra axeitadamente identificada, unha como hiperónimo e catro como hipónimos. Deberán ser necesariamente palabras do texto.

17SB: Explica os conceptos de polisemia e homonimia empregando como exemplos as palabras figura (liña 4) e polo (liña 12), respectivamente. Indica unha palabra homófona de valor (liña 6) e explica en que consiste a relación de homofonía existente entre elas. [1punto]
Avalíase o coñecemento dos conceptos de polisemia, homonimia e homofonía e a súa axeitada exemplificación a partir das palabras propostas. Asígnanse 0’40 puntos á polisemia; 0’30 puntos á homonimia; e 0’30 puntos á homofonía.

18XA: Procura no texto dez termos que pertenzan ao campo semántico da construción e o urbanismo [1 punto]
Outorgaranse 0.10 puntos por cada termo.

Ata mañá.

No hay comentarios:

Publicar un comentario