miércoles, 29 de abril de 2020

XOVES 30A: ABAU, TEXTO, MORFOLOXÍA (ADXECTIVO, ARTIGO).

Bos días. Hoxe:

1. Modelo exame LLG ABAU 2020 neste enlace. 

2. Texto: 

Pídese: Tema, estrutura, esquema, resumo e comentario crítico ou redacción sobre o tema central (texto expositivo-argumentativo). Tedes datos sobre como facelo no apartado "1.2.3. Texto" da vosa aula virtual.

3. Adxectivo. Corrección das actividades (entrada anterior) neste enlace

4. Artigo. Responde no teu caderno, ou no ordenador, as seguintes cuestións sobre o artigo. Para iso, tes que ir mirando, por orde, este documento: Morfoloxía-Teoría, pp. 9 e 10. Non convén copiar e pegar: se facedes iso, non asimilades os conceptos.
  1. Cando é obrigatorio o uso da 2ª forma do artigo?
  2. Explica o uso do arcaísmo EL.
  3. Explica o uso de artigo con nomes propios.
  4. Explica o uso de artigo ante posesivo.
  5. Contraccións do artigo (por condena): por, con, de, en, a.
Se tedes dúbidas ao responder estas cuestións, mandade unha mensaxe por WhatsApp.

Hoxe xoves temos videoconferencia ás 13.20 (cambiamos hora por ser o venres festivo).

Ata logo.

domingo, 26 de abril de 2020

MARTES, 28A. MORFOLOXÍA (ADXECTIVO), SINTAXE e TEXTO.

Texto:

Opción 1: "O verán, os madrileños e o covid-19", Marina Mayoral, La Voz de Galicia, 26-04-2020. 
Opción 2: "Liberdade e saúde pública", X.A. Pérez Lema, Galicia Confidencial, 26-04-2020.

Pídese:
Tema, estrutura, esquema, resumo e comentario crítico ou redacción sobre o tema central (texto expositivo-argumentativo). Tedes datos sobre como facelo no apartado "1.2.3. Texto" da vosa aula virtual. Se tedes dúbidas, avisádeme por Whatsapp.

Non é necesario que me entreguedes todos os textos que propoño. Eu irei mandando para que, en función do tempo e as necesidades doutras materias, vaiades facendo o que poidades ou queirades.

Adxectivo. Corrección do cuestionario "Adxectivo: Cuestións Teoría" (entrada anterior) neste enlace. 

Actividades do adxectivo: pp. 58-61, 1, 2, 3 (10 primeiras), 4 (2 primeiras), 5 (primeira columna). 
Corrixirémolas o xoves. 

Sintaxe. Estes exercicios son voluntarios. Colguei na aula virtual estes dous enlaces, Sintaxe I: Práctica e Sintaxe II: Práctica. Os dous con solucionario. Se preferides traballar en Word, podedes pasar un PDF a Word con ilovepdf.

Recordo unha vez máis a necesidade de organizar o material.

Ata o xoves.

jueves, 23 de abril de 2020

VENRES 24A: TEXTO E MORFOLOXÍA (SUBSTANTIVO, ADXECTIVO)

Bos días.

Sala de videoconferencia para 2º Bacharelato D. Habilitouse un único enlace por aula para facilitar a comunicación entre o profesorado e o alumnado. O enlace corresponde á vosa clase. Para esta materia reservei o venres ás 11.20 (hora de clase). Daquela, vémonos hoxe.

Texto. "Back on Earth", Xavier Alcalá, La Voz de Galicia, 23-04-2020.  Pídese comentario crítico ou redacción sobre o tema central (texto expositivo-argumentativo) deste artigo. Tedes datos sobre como facelo no apartado "1.2.3. Texto" da vosa aula virtual

Non é necesario que me entreguedes todos os textos que propoño. Eu irei mandando para que, en función do tempo e as necesidades doutras materias, vaiades facendo o que poidades ou queirades.

Substantivo. Corrección das actividades sobre o substantivo (entrada anterior) neste enlace. Se tedes dúbidas, facédemo saber a través do grupo de WhatsApp.

Adxectivo. Responde no teu caderno, ou no ordenador, as seguintes cuestións sobre o adxectivo. Para iso, tes que ir mirando, por orde, este documento: Morfoloxía-Teoría, pp. 7 e 8. Non convén copiar e pegar: se facedes iso, non asimilades os conceptos.

  1. Diferenza entre adxectivo explicativo e especificativo. Exemplos.
  2. Como se comportan os morfemas de xénero e número no adxectivo? Diferencia estres 3 tipos: loiro / doce / medicas.
  3. Cales son os procedementos de gradación do adxectivo?
  4. Cando se usa como / coma?
  5. Cando se usa ca / (do) que?
  6. Escribe o comparativo e superlativo sintético de grande, pequeno, bo, malo, alto e baixo.
Recordo unha vez máis a necesidade de organizar o material.

Ata logo.

miércoles, 22 de abril de 2020

XOVES 23A: TEXTO, SINTAXE, MORFOLOXÍA: SUBSTANTIVO

Bos días.

Texto neste enlace. Pídese: Resumo, esquema, estrutura e internacionalidade. Ir á aula virtual: Texto, punto 1.2.


Sintaxe. Solucións ás actividades (voluntarias, de reforzo) propostas na entrada anterior nesta ubicación.

SubstantivoCorrección do cuestionario (teoría) da entrada anterior neste audioSe tedes dúbidas, facédemo saber a través do grupo de WhatsApp.

Actividades do substantivo para a próxima clase, do documento Morfoloxía; Actividades:


  • Exercicio 1. As 5 primeiras de cada columna. En todas elas tedes que indicar "A oposición de xénero remite a diferenzas de a) Sexo, b) Forma, tamaño ou profundidade, c) Individual/Colectivo(páx. 4 de Morfoloxía-Teoría).
  • Exercicio 2. As 20 primeiras da 1ª columna. Tedes que indicar o procedemento utilizado para marcar a oposición de xénero (páx. 4 de Morfoloxía-Teoría).
  • Exercicio 5. Só as palabras da páx. 54.

Videoconferencia, venres, 11.20.

Ata logo.

lunes, 20 de abril de 2020

MARTES 21A: TEXTO, MORFOLOXÍA (SUBSTANTIVO), SINTAXE

Bos días.

Texto. Propoño os seguintes textos, a escoller: 

Opción A: "Eu quero ser científico ou investigadora", J.A. Pinto Añón, El Progreso, 15-04-2020.
Opción B: "Putas en coresma", Llerena Perozo Porteiro, Praza Pública, 17-04-2020.

En calquera deles podedes optar por facer un comentario crítico ou unha redacción (texto expositivo ou expositivo-argumentativo) sobre o tema central do texto. Consultade na aula virtual o apartado Texto. Cando o teñades, enviádelo ao correo anaseco@edu.xunta.es indicando se optastes polo comentario crítico ou pola redacción.

Lingua. Só nos queda por ver Morfoloxía. Este bloque forma parte do programa de 1º bacharelato, pero entra nas ABAU. Para simplificar, vou enlazar directamente co blog de 1º. Para hoxe, O substantivo I: entrade neste enlace e facede o que nel se indica.

Sintaxe. Estes exercicios son voluntarios, só para aqueles que consideren que necesitan reforzar. Son os seguintes exercicios do libro: páx. 41 (1, 2); páx. 42 (3, 4); páx. 69 (2, 4); páx. 70 (6, 8: neste último, o 8, analiza). En todos eles tedes que centrarvos unicamente nas funcións oracionais: suxeito, predicado, CD, complemento de réxime, CI, CC, complemento axente, predicativo (de suxeito ou de CD) e atributo. Non fagades a análise no interior da frase, a menos que sexa necesario polo tipo de construción.
Se non tedes libro de texto, avisade. Non os fagades todos xuntos, ide pouco a pouco, dosificando. Achegarei un solucionario.

Na próxima clase veremos erros frecuentes, para intentar evitalos.

Ata logo.

jueves, 16 de abril de 2020

VENRES 15A: SINTAXE (PRÁCTICA)

Bos días.

Finalmente, decidín gravar os audios coas correccións. Están nesta ubicación.

Con todo, os que poidades, entrade no encontro por videoconferencia, ás 11.20. Deste xeito as dúbidas que se presentan nagunhas construcións serán máis fáciles de resolver.

Ata logo.

miércoles, 15 de abril de 2020

XOVES 14A: SINTAXE (PRÁCTICA)

Bos días.


Na sesión anterior vimos o documento Sintaxe mediante os audios que figuran neste enlace. Hoxe continuamos coa práctica, en concreto, con aquelas cuestións de sintaxe que entraron nos exames das ABAU en 2017, 2018, 2019. As cuestións, xunto coas solucións poden consultarse neste documento:
Empecei a gravar un audio coas correccións, pero deime conta, ao analizar as oracións, que podían xurdir dúbidas e preguntas, dado o carácter dalgunhas das construcións. Temos dúas opcións:
  1. Gravar os audios e se hai algo que se contradiga coas vosas respostas, preguntádesme por whatsapp.
  2. Conectarnos e solucionalo en directo. De ser así, temos dúas opcións, o xoves (hoxe), ás 13.20, hora de clase, ou o venres, ás 11.20, hora de clase. Enlace para a conexión.
Preguntarei por WhatsApp.

Ata logo.

domingo, 12 de abril de 2020

MARTES, 14A: SINTAXE

Bos días.

Polo que me fixestes saber, algúns de vós preferides imprimir os documentos antes das clases. Esta semana trataremos unha serie de bloques; achego os enlaces aos documentos por se os queredes imprimir (todos eles están tamén na aula virtual):

Puntos 4/5 Lingua:

Na clase de hoxe trataremos SINTAXE. 

Comezaremos coa explicación do que figura no documento Sintaxe mediante os audios que figuran neste enlace 
  


Logo, continuaremos coa práctica, en concreto, con aquelas cuestións de sintaxe que entraron nos exames das ABAU en 2017, 2018, 2019. As cuestións, xunto coas solucións poden consultarse neste documento:
Os exames e as cuestións relativas aos puntos 4, 5 están en:
Recomendo que non empecedes coa práctica sen ver antes os temas de sintaxe. 

Ata logo.

jueves, 2 de abril de 2020

VENRES 3A: FONÉTICA-FONOLOXÍA

Bos días.


Fonética e Fonoloxía. Tedes un documento na aula virtual que resume en 3 páxinas os aspectos máis importantes deste tema, seguindo o exposto no voso libro de texto. O resto é un anexo, repaso de Ortografía. Neste documento aparece:
  • Guión do que hai que saber (páx. 1), imaxes do sistema vocálico, dos casos de vogais e-o abertas e do sistema consonántico (páx. 2), imaxe da correspondencia fonemas/letras para unha posible transcrición fonolóxica (páx. 3).
  • Anexo: Repaso de casos de ortografía dubidosa (desde a páx. 4).

Teño que explicar as 3 primeiras páxinas. Para iso, tedes que ter o documento diante. En base ao exposto nese documento, irei explicando cada cuestión mediante os audios explicativos deste enlace.

Como afrontan esta cuestión na ABAU?

Na vosa aula virtual tedes os exames de 2017, 2018, 2019. En concreto, tedes as Cuestións 4, 5: Lingua e Gramática. Polo que respecta a Fonética-Fonoloxía, estas foron as preguntas nas ABAU, as dúas nas probas de 2019:
  • 2019, xuño, B. Indica se é aberta ou pechada a vogal tónica das seguintes palabras: serio (liña 6), cómico (l. 7), retórico (l. 7), chinés (l. 9), teren (l. 11), mulleres (l. 11), persoa (l. 15). [1 punto].
  • 2019, xullo, A. Indica se é aberta ou pechada a vogal tónica das seguintes palabras do texto: [1 punto] agora (v. 1), outono (v. 1), ben (v. 2), eterno (v. 3), só (v. 4), todo (v. 6), ninguén (v. 7), podemos (v. 8) recendo (v. 11) amor (v.12)

As solucións, apareceron nos criterios de corrección ABAU:
  • Restarase 0’20 puntos por cada vogal mal identificada, excepto o primeiro erro, que só se penalizará con 0'10. É dicir: 1 fallo = 0'9 puntos / 2 fallos = 0’7 / 3 fallos = 0’5 / 4 fallos = 0’3 / 5 fallos = 0'1 / 6 ou 7 fallos = 0 puntos. Tónicas abertas: serio, cómico, retórico, mulleresTónicas pechadas: chinés, teren, persoa
  • Restarase 0’15 puntos por cada vogal mal identificada, excepto o primeiro erro, que non se penalizará. É dicir: 0 ou 1 fallo = 1 punto / 2 fallos = 0’85 / 3 fallos = 0’70 / 4 fallos = 0’55 / 5 fallos = 0’40 / 6 fallos = 0’25 / 7 fallos = 0’15 / 8 ou máis fallos = 0 puntos. Tónicas abertas: ben, eterno, só, ninguén. Tónicas pechadas: agora, outono, todo, podemos, recendo, amor


   Como xa sabedes, a parte de Lingua e Gramática (cuestións 4 e 5 ABAU) abrangue: Fonética e Fonoloxía; Morfoloxía e sintaxe; Semántica e lexicoloxía; Dialectoloxía.  Vimos en sesións anteriores Semántica e Dialectoloxía. Hoxe entramos en Fonética e Fonoloxía. Queda a Sintaxe: vou adaptarme ao sistema da vosa profesora de LLC para non confundirvos e ir ás especificidades. Tanto a Sintaxe como a Morfoloxía verémola á volta de Semana Santa, deixando así rematado o apartado "Lingua e Gramática" (4, 5 ABAU). 

Podedes enviarme textos (punto 3 ABAU) dos exames. Tédelos neste enlace. Esta actividade  é voluntaria. 

     Se me permitides un consello, aproveitade a Semana Santa:

  • Os que ides ao día, para descansar e coller forzas.
  • Os que non ides ao día, para poñervos.

En todo caso, pasádeo o mellor que poidades.





miércoles, 1 de abril de 2020

XOVES 2A: DIALECTOLOXÍA

Bos días.


Lingua e Gramática: Dialectoloxía.

Neste documento (é 1 páxina, está tamén na aula virtual) tedes o que é máis importante do tema. Hai que saber:
  • Definición de variedades diatópicas, xeográficas ou dialectais.
  • Definición de gheada e seseo.
  • Bloques lingüísticos: territorio e trazos propios do bloque occidental, central e oriental.
Aparecen no documento as definicións, os fenómenos dialectais, os trazos propios de cada bloque e o territorio que ocupa cada bloque. Isto hai que sabelo. Continúa o documento cun cadro coas variedades dialectais (hai que saber o nome de cada fenómeno, p.e. terminación -INUM) que recomendo completar para practicar.

Como afrontan esta cuestión nas ABAU? 

Na vosa aula virtual tedes os exames de 2017, 2018, 2019; separei as cuestións por apartados. En concreto, tedes as Cuestións 4, 5: Lingua e Gramática. Polo que respecta a Dialectoloxía, esta foi a pregunta ABAU (2019, xullo, A):
  • A palabra rincós (verso 10) amosa un fenómeno dialectal que caracteriza un dos bloques dialectais do galego. Cal é ese fenómeno? Que bloque dialectal caracteriza? Sinala outros dous fenómenos característicos dese bloque. [1 punto]
  • Criterio de corrección ABAU: Avalíase a capacidade para identificar e explicar os principais trazos de variación dialectal do galego. Asígnanse 0'25 puntos á identificación do fenómeno dialectal que ilustra o exemplo proposto e a mesma puntuación á identificación do bloque dialectal e a cada un dos outros dous fenómenos característicos dese bloque. 
  • Resposta (non é da ABAU): Se tedes claros os cadros que figuran no documento citado, non tedes dificultade para contestar. Fenómeno dialectal: Plural palabras rematadas en -N -ós, rincós (BC). Bloque central. Outros dous fenómenos do BC: a escoller entre irmao (terminación -ANUM), camiño (terminación -INUM), zapato, pero dez-des (seseo parcial, segundo as zonas), gheada/non gheada (segundo as zonas), pronome persoal ti/tu (segundo as zonas), resultado oi (moito) do grupo latino -ULT-. 

Coma sempre, se tedes dúbidas, facédemo saber a través do WhatsApp.



Lingua e Gramática: Semántica e Lexicoloxía. Corrección cuestións dos exames de 2017, 2018, 2019.
Cuestións 4, 5: Lingua e Gramática relativas a semántica nos exames 17XA (2017, xuño, opción A), 17SB (2017, setembro, opción B) e 18XA (2018, xuño, opción A). Achego os criterios de corrección destas cuestións nas ABAU. Se queredes que vos corrixa os vosos exercicios, enviádemos ao correo anaseco@edu.xunta.es, especificando “Semántica”.

17XA: Identifica no texto cinco palabras pertencentes ao mesmo campo semántico, das cales unha debe ser o seu hiperónimo (identifícaa como tal) e as catro restantes hipónimos seus. [1 punto]
Outórganse 0’20 puntos por cada palabra axeitadamente identificada, unha como hiperónimo e catro como hipónimos. Deberán ser necesariamente palabras do texto.

17SB: Explica os conceptos de polisemia e homonimia empregando como exemplos as palabras figura (liña 4) e polo (liña 12), respectivamente. Indica unha palabra homófona de valor (liña 6) e explica en que consiste a relación de homofonía existente entre elas. [1punto]
Avalíase o coñecemento dos conceptos de polisemia, homonimia e homofonía e a súa axeitada exemplificación a partir das palabras propostas. Asígnanse 0’40 puntos á polisemia; 0’30 puntos á homonimia; e 0’30 puntos á homofonía.

18XA: Procura no texto dez termos que pertenzan ao campo semántico da construción e o urbanismo [1 punto]
Outorgaranse 0.10 puntos por cada termo.

Ata mañá.